sábado, 15 de marzo de 2014

Apuntes de toponimia do Concello de ALFOZ


Imaxe por Vreimunde (flickr)



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________
A ABELLEIRA (Adelán)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Moitas vereces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.
Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a orixe: sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

A ARCA CAVADA (O Pereiro)
Lugar onde houbo ou hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.
Neste caso, ao ser unha arca cavada, parece indicar claramente o caso dunha mámoa que foi escavada.

A ARNELA (O Pereiro) 

Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería inicialmente un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 
O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. aquí.  Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de "canaleta para conducir a auga" citado antes.

Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Existe unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

A AZOREIRA (Lagoa)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. aquí.

A BARCIA (Adelán)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río. 
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

A CAMBA (Adelán)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varias acepcións, todas relacionadas con "cousa curva", como "p
eza curva da roda do carro", así como a de "val" (cf. dicionario de  Cuveiro Piñol, 1876). Existe tamén o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. aquí.

A CANDA (Lagoa)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

A CASA DE BASANTA (Adelán)
Basanta é o apelido do antigo posesor. É un apelido de orixe prelatina, co elemento indoeuropeo "-nt-".

A CASA DE CANDIA (O Pereiro)

Probablemente se trate dun antropónimo de orixe prerromana, de *Kandena 'a branca', da raíz indoeuropea *kand- 'brillante'.

A CHAFARICA (Lagoa, Carballido)
Significado incerto. Cremos que "Chafarica" debe interpretarse como "casopa, cabana" neste contexto.
O termo "chafarica" non está rexistrado no dicionarios de galego, aínda que si "chafarico" 'casopa, tenderete' (cf. aquí). Porén,  "chafarica" sí se rexistra en portugués, co significado de 'taberna, baiuca'.
Tampouco podemos desbotar unha interpretación como sinónimo de "chafariz" 'fonte', pois tanto a chafariz como a chafarica se lles asigna unha procedencia no apelativo árabe hispano  ihrīǧ 'fonte, poza'.
Como se indica ao comezo, cremos que debe interpretarse como "casopas, cabana" neste contexto, xa que, dada a súa ocorrencia en plural, tanto neste caso como noutros na xeografía galega, non parece probábel que nun pasado existisen varias tabernas no mesmo lugar.

A CORA (O Pereiro)
O nome deste lugar podería ter unha orixe na raíz prelatina *kor-.
Outra hipótese sería a de "lugar de cora",  co sentido de "lugar onde se fai a actividade da cora", con "cora" significando "actividade de dar cor" (aos tecidos), palabra tamén existente en portugués con este significado.
Existe outro "Cora" en Valcarría (Viveiro).

A CORTIÑA (Lagoa, As Oiras)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum,   ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA DA ROZA (O Pereiro)
Ver "A Roza".

A COSTOIRA (O Castro de Ouro)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, pódese ver este blog >> aquí.

A COVELA
 (O Pereiro)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

A CROA (O Pereiro)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

A ESCOURA (Adelán)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén a "pedra da cor do ferro".

A ESTIBADA (O Pereiro)
Grafía alternativa por "estivada". 
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.

Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza aquí, así como a información indicada por Eladio Rodríguez  aquí.

A FOCELLA (O Pereiro)
Diminutivo de "foz". Unha "foz" é unha "desembocadura de río", e tamén un "desfiladeiro". Cf. aquí.


A FONTE DE MONDRIZ (Adelán)
O termo "Mondriz" deriva de (uilla) Monderici, forma en xenitivo de Mondericus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

A FONTE DO COUSO DE ABAIXO, A FONTE DO COUSO DE ARRIBA (O Castro de Ouro)
Un "couso", do latín medieval causu, é un sitio coutado, para actividade específica, que pode ser:
  • foxo para caza de alimarias (lobos, etc)
  • sitio para facer cacería, xustas
  • horta pequena

A FONTE VITORNA (O Pereiro)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

A FRAGA DAS CURUXEIRAS  (O Pereiro)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

A FRAGA DAS GALIÑAS (O Pereiro)

Aínda que podería referirse a algunha lenda sobre galiñas, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)-  'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas.

A GOLPILLEIRA (San Pedro de Mor, Bacoi)
Unha "golpilleira" refere a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.

É un topónimo frecuente en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

A IBIA (Lagoa)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga'. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Similarmente  atribúe García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García. "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 

É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón"  'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí Moisés Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").
A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e  "-ón" son  típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".2002).

A presenza do artigo indícanos que se preservou como apelativo no romance.
Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así, hai "Rego da Ibia" en Oiras, outra "Ibia" no Valadouro, "O porto de Ibia" en Barreiros, etc.

A INSUA (As Oiras, O Pereiro)
Do latín insula 'illa'. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a illa ou península formada nun río, ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos"

A LAGOA (Bacoi)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

A ORDEN (Adelán)

Este topónimo, foi analizado por E. Bascuas, asignándolle, unha posible orixe no tema hidronímico paleoeuropeo*ord-da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 133 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A PALLOZA (O Pereiro)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. Era preciso renovar cada 15 anos con palla nova  o teito (un grosor duns 40cm, cf. aquí). 
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando este lugar se comezou a denominar así, os teitos de palla xa se tornaran infrecuentes.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

A PANDA (As Oiras, O Pereiro)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PASADA (Bacoi)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, en Mañón, en Viveiro, en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

A PRADIA (As Oiras)
Lugar onde hai (houbo) pradairos.
O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DDD).
En efecto, Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente no Valadouro, Barreiros, Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).


PENA ALBEIRA (O Pereiro)
O adxectivo "albeiro" indica "de cor tirando a branco" ou "de cor moi branca". Se observamos esta pena, semella confirmar esta interpretación, aínda que sexa tamén posíbel interpretar o topónimo como orixinado na raíz prerromana *alb-/*alp- 'altura, monte'.


PENA DAS BANZAS (As Oiras, O Pereiro)
O termo "banza" é definido nos dicionarios de A. Otero e de X. L. Franco como "respaldo de banco, encosto" (cf. aquí). A interpretación máis plausíbel coidamos que sería a súa forma en esqueira ou encun grande ribazo.

PENA DO BISPO (Carballido)
O termo "Bispo", 
do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A PENA GRANDE DO ESCOURIDO (As Oiras)
Un "escourido" é un terreo onde abunda a "escoura". Ver "A Escoura".

A PENA MONTAGABE  (As Oiras)
O termo "Montagabe" é probablemente o composto de "Monte Gabe", do cal "Gabe" proviría do latín medieval 
Gabii, forma en xenitivo de Gabius, indicando, por tanto, o nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica, frecuente na Galiza na Idade Media. Esta interpretación é baseada en J. Piel, que estudou este topónimo para Vilagabe. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11 (1984). Cf. aquí.


A PENA MOSQUEIRA (As Oiras)
Podería estar orixinado pola existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. aquí.

Alternativamente, sinónimo de "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DDD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A PICHA (O Pereiro), A PICHOCA (O Pereiro)

Á parte do significado do órgano sexual, o apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. aquí), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados con estes termos.
Tanto "picha" e "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". 

A PINGUELA (Lagoa)

O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".

A PRESA DA ONZA (As Oiras, O Pereiro)

O termo "onza" é un termo prerromano, especificamente, céltico, dunha raíz *en-/*on- 'auga, charco'.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Correspondería co mesmo nome de "Illa de Onza" (arquipélago das illas Ons"), orixinado no termo *Aunitiam.

Xa E. Bascuas menciona explicitamente o topónimo "O Pozo da Onza", no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle o significado indicado de "charco".Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.

A PUMAREGA (Lagoa), A PUMARIÑA (Lagoa)
Unha "pumarega" e un "pumar" son sinónimos, co significado de "finca plantada de maciñeiras (maceiras)".

A QUEIMADELA (Adelán)
Diminutivo antigo de "queima". Posiblemente no senso de "queima nas actividades de roza". Ver "A Roza".


A REBOLAD(Adelán, Lagoa)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. aquí).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria  'carballo'.

A REGA (Lagoa, San Pedro de Mor)

Unha "rega" é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas aquí.


A REGA DA CARBALLA (Bacoi)
Para "Rega", ver "A Rega".
Canto a "carballa", refere a un carballo grande, centenario.

A REGA DA LEIXE, A REGA DE aLEIXE (Lagoa)
Para "Rega", ver "A Rega".
Canto a "Leixe", probablemente estea referido a un antigo posesor chamado Aleixo, nome derivado do latín Alexius, á súa vez do grego antigo Ἀλέξιος (Alexios).

A RETORNA (Lagoa)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

A REVOLTA (
Lagoa)
O termo "revolta" refere unha curva, xeralmente de río. Cf. aquí. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. aquí

ROZA (Bacoi, Lagoa), A ROZA VELLA (O Pereiro)
O termo "roza", do latín ruptia, refere a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos, etc.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía". V. Risco, "Terra de Melide".

A RÚA (O Pereiro)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue. (cf. e.g. E. Rivas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982.

A RUBIAL (Lagoa)

Caracterización de "rubia"  ("roiba", "vermella") da terra. Posibelmente indicando terras barrentas, aínda que tamén se atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Alternativamente, J. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes ' rocha'.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, "Rubal" en Viveiro, así como o análogo "A Verdeal".

A SARA (Bacoi)

O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

A SEARA (San Pedro de Mor)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

A SOUTEGA (Carballido)

Derivado de "souto", co sufixo  "-ega", de orixe prerromana- O apelativo "souto" vén do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca.

A TARIÑEIRA (As Oiras)

Probablemente, deturpación de "tarañeira". 
O termo "tarañeira" indica 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'. É de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos "Taranco" e "Tarancos", coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así un "Tarañeira" en Roupar e outro en Guitiriz, e "Taraños" en Cedeira e Mañón, etc.

A TELLEIRA (Adelán)

Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TORNA (O Pereiro)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

A VALIÑA (Adelán, As Oiras, O Pereiro)
Unha "valiña" é un "vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. O nome "vale" era un antigamente de xénero feminino, daí a forma en cuestión.


A VEIGA DA ALGARIA (Adelán)
O apelativo "algaria" figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Por outro lado, podería tratarse un zoónimo:Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.
Finalmente, xa máis improbable, mencionar o apelativo "algara" na acepción de "cova, barranco subterráneo" que recolle o dicionario de E. Rodríguez.
En portugués denomínanse "algar", de orixe árabe, "a cortadura dos montes e a qualquer outra profundidade onde se ajuntam e escondem as águas" (cf. Viterbo), e no portugués moderno "caverna, furna", "cova ou barranco cavado pelas chuvas ou pelas torrentes" (cf. aquí). Similar acepción ten en castelán.

Existe ademais un núcleo de poboación chamado "Algariña" en Bacoi, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado.


A VEIGA DE SARILLE (Bacoi)
O nome "Sarille", na forma portuguesa "Sarilhe" foi estudado por Piel, que deriva de Sarili, forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica (cf. p. 303, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II). 
En efecto, posteriormente Piel analiza o topónimo "Saril", que estaría formado a partir da raíz *Sar- que derivaría do gótico sarwa 'armas'. Cf. p. 337, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

A VEIGA DO CADAVAL (Carballido)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

A VILLAGUEIRA
 (As Oiras)
Forma deturpada por "bellegueira". O termo "bellegueira" é probablemente, sinónimo de "vellegal". Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. aquí.
Existe unha "Bellegueira" en Ambosores, un "O Bellegueiro" nas Grañas do Sor, etc.

ABELEDO 
(Adelán)
Indica un terreo onde abundan as abeleiras.


ADELÁN (Adelán)
Derivado de (uilla) Atilani, forma en xenitivo de Atila, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Figura atestado como "sanctus Iacobus de Adelani"  en 1124 "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ". 

AGRELA (Lagoa)
Do latín agrella 'pequena agra'.

AGUÑEIRA (Lagoa)
Posiblemente de "abruñeira", o mesmo que "abruño". 
Así, hai un "Agruñido" en Galdo, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

ALGARIÑA (Bacoi)
Diminutivo de "algaria" ou de "algara".
O apelativo "algaria" figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Por outro lado, podería tratarse un zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas, para "algaria" e "algaira" a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.
Tamén podería encaixar o apelativo "algara" na acepción de "cova, barranco subterráneo" que recolle o dicionario de E. Rodríguez. Descoñecemos a existencia de tal cova ou barranco nese lugar.
Finalmente, tratandose dun núcleo de poboación, tampouco podemos descartar a acepción de "tropa de xente, correría, escaramuza", presente tamén en portugués "Incursão militar feita em terra inimiga" e en castelán, e derivado do árabe hispano alḡára, e este do clásico الغارة al-ḡārah. Para "algaria" tamén aparece similar significado metaforicamente "bandada moi compacta de sardiñas".

Existe ademais un núcleo de poboación chamado "A Veiga da Algaria" en Adelán, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado.

ANXERIZ DE ARRIBA, ANXERIZ DE ABAIXO (O Castro de Ouro)
De (uilla) Anserici, forma en xenitivo de Ansericus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

AS ANXARICES (Lagoa)
De "as (terras) de Anxeriz, posiblemente por ser o seu antigo posesor, oriúndo da poboación dese nome.

AS BARCIAS (Lagoa)
Ver "A Barcia". 

AS CANDAS (Lagoa, O Pereiro)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo".

AS CHOUSAS DO CELEIROTE (O Pereiro)
O topónimo "Celeirote" é un derivado en diminutivo ou despectivo de "Celeiro", do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo".

AS CORTIÑAS (Bacoi)
Ver "A Cortiña".

AS COSTELAS (O Pereiro)
O topónimo "Costela" é o diminutivo antigo de "costa".

AS CURRIPAS (O Pereiro)
Unha "curripa" é un "carreiro estreito". 
Nalgunhas zonas tamén se aplica a un pequeno cercado, de pedras ou chantos, no souto, onde botan as castañas para que acaben de secar.

AS ESTIBADAS (O Pereiro)
Ver "A Estibada". 

AS FOIAS (Lagoa)
O apelativo "foia" ten a mesma orixe que "foxa", do latín fovea, e indica unha furada. Os dicionarios danlle a "foia" a especialización semántica de "foxo para facer carbón" (cf. aquí). 

AS FREIXA(O Pereiro)

Unha "freixa" designa unha "fervenza, cadoiro".  Tén outra acepción, menos probábel, que é a de "freixo". Cf. aquí.

AS LAMÉSTREGAS (O Pereiro)
Os termos "lamestra", "laméstrega" e "laméstrica" derivan de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, tamén de orixe prelatina corresponde co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Laméstricas" en Muras, "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

AS LAMIGUEIRA(O Pereiro)

Unha "lamigueira" designa un "lugar onde abunda a lama". 
Tén outra acepción, menos probable para un topónimo, de árbore "lamigueiro", tamén chamado "lodeiro", "lotus", ou tamén o populus alba, o álamo branco ou o álamo negro.

AS LEAS (Bacoi)
Posiblemente de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. 
Estaría relacionado con outros topónimos como  "Ribeiras de Lea" ou o asturiano "Llena". 
Alternativamente, podería ter relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', aínda que non parece ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.


AS MEDELAS (O Pereiro)
O termo "medela" é diminutivo de "meda", que significa "morea de mollos de cereal segado", aínda que tamén se pode referir a "mámoa". 
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar.

AS MOAS (Adelán)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".

AS MÓDEAS (Lagoa)
O termo "modia" reférese moitas veces a "mámoa" ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un "outeiro", a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

AS OIRAS (As Oiras)
O nome desta parroquia xa figura atestado en 1164 como Aurias:
"... sanctum Petrum de Mour cum omni iure suo et cum omni regali uoce parrochianorum ipsius ecclesie et cum cautis per termninos eius in circuitu per locum uidelicet de Aurias ..." cf. aquí.
Figura atestado en castelán como "San Mamed das Oyras" no "Censo de la Sal" de 1631.
É un hidrónimo de orixe prerromana, que podería ter feito referencia un "tramo de río, ribeira".  En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). Esta é tamén a orixe de topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio (cf. pp. 476 e 477 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17).

Este topónimo é moi interesante, ao mostrar illado o elemento "Oira", usado como apelativo no galego inicial. Por tanto, semella indicar que, en topónimos como "Valoira", "Longoira", o elemento "-oira" non se trataría dun mero sufixo, senón que podemos interpretalo como  hidrónimo prerromano.

AS PUMARELAS (Lagoa)
Diminutivo de "pumar", "finca plantada de maciñeiras (maceiras)".

AS REGOÑAS (Adelán)
O apelativo "regoña", derivado de "rega", é definido no dicionario como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. aquí.

AS ROZAS (O Pereiro)
Ver "A Roza".

AS SESTAS (As Oiras)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a sextas.
Alternativamente, de "terras pertencentes a un antigo posesor chamado Sexto ou Sixto".

AS SUASBARRAS (Adelán)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras',  'pola parte de baixo das barras'. 
En canto a "barras", neste caso posiblemente teña o significado de "bancos de area na entrada do río", ainda que tamén podería ser "parras, emparrados". Cf. aquí.

AS TERCIAS (Lagoa)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístrase este mesmo topónimo en Muras, O Vicedo, Viveiro, etc.


AS TRABES  (O Pereiro)
Edelmiro Bascuas estudou estes topónimos e apunta a unha relación co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar "a charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. O termo "trabe" admíteo con dúbidas, ao non poder separar os casos relativos a hidrónimos daqueles, potencialmente existentes, que derivarían do latín trabs/trabis 'viga', aínda que vendo improbable o significado "viga" en topónimos. Cf.  p. 329 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Se examinamos os topónimos "Trabe" existentes en Galiza, dáse cunha alta frecuencia en hidrónimos (Poza da Trabe, Río da Trabe, Val da Trabe, Val das Trabes, Fonte das Trabes), o cal parece afirmar a relación de "Trabe" con hidrónimos.
Existe "Trabazos" en Muras, claramente hidrónimo (de *Trawatio).

AS VALIÑAS  (As Oiras, O Pereiro)
Unha "valiña" é un "vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. Vale era un nome de xénero feminino antigamente, daí esta forma.

AS VEIGAS DE MARCOI (O Castro de Ouro)
Ver "Marcoi".

AS XIMARÁS (Lagoa)
O nome probablemente proveña dun xentilicio, talvez Silimarus, Gilimarus ou Genemarus, a través da forma (terra) Silimarana, Gilimarana ou Genemarana, respectivamente. Cf. Boullón Agrelo aquí, e aquí e aquí.
O topónimo "Pena de Ximarao", en Cedeira, parece confirmar a relación cun deses xentilicios.
Alternativamente, moitos autores  (xa Piel e Kremer, tamén G. Navaza, etc) interpretan estes topónimos como orixinados en Wimaranis (xenitivo de Wimarus),  sendo a extraña evolución do fonema inicial  interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimarás", con gheada. No entanto, como indica Boullón Agrelo (cf, aquí), estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares.
Existen múltiples "Ximará", como en Xuances, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc. 

BACOI (Bacoi)

De *(uilla) Vacconii, forma en xenitivo de Vacconius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. Cf. aquí.
Figura atestado como "sancta Maria de Baconi"  en 1124 "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ". 

BELOI (Lagoa)

De *(uilla) Bellonii, forma en xenitivo de Bellonius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. En efecto, Piel explica os topónimos galegos "Beloi", "Veloi" como procedentes do nome latino Bellonius, en concorrencia cunha base *Vellonius (cf. p. 45 de J. Piel "Nomes de possessores latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa", 1948).

No entanto, é de notar que, aínda sen haber dúbidas sobre que se trata dun antropónimo, un nomen possessoris, si as hai sobre a orixe concreta do antropónimo. De feito, noutro artigo, o propio Piel indica as varias alternativas sen pronunciarse por ningunha. Cf. páx 229 de J. PIEL, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

BOADE (O Pereiro)
Etimoloxía incerta. 
Podería provir de *(fundus) Bovati, forma en xenitivo de Bovatus, nome do antigo posesor, cunha orixe prerromana (cf. p. 35 de Verba num. 30  aquí), ou a partir dun cognomen latino da mesma forma Bovatus (cf. A. Rodríguez Colmenero aquí).

CADAVEDO (O Pereiro)
Un "cadaval" ou "cadavedo" é un lugar onde abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

CALISTO (Adelán)
Ainda sen termos referencias antigas, cremos que corresponde co nome dun antigo posesor.

CANDAÍNZOS (Carballido)
De "(agros) candaínzos", agros onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CENTOI (Lagoa)
Este topónimo, aínda que non ofreza dúbida a súa orixe nun "nomen possessoris" dunha uilla ("explotación agrícola"), e que se trate dun nome de orixe xermánica, hai varias alternativas para a orixe concreta.
Podería derivar de *(uilla) Sendoni, dun antigo posesor chamado Sendo(ne),  nome de orixe xermánica. A evolución Cendoi > Centoi non semella difícil,  quer por atracción de "cento", ou simplemente pola evolución neste caso para "t" do son xermánico "th".
Tería a mesma orixe que a do topónimo "Vilancedoi" de Bocamaos, para o que  Nicandro Ares indica que está rexistrado como Vila Sendoni  no ano 760 (cf. p. 928 de N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega").
Alternativamente, podería vir de *(uilla) Kintoi, dunha raíz xermánica *kind-, tal como xa J. Piel e D. Kremer, no seu "Hispano-gotisches Namenbuch" vencellaron xa os topónimos do estilo Cendoi, Cendón, etc.  

CERDEIRIDO (Bacoi)
Lugar plantado con cerdeiras.

CONCHOUSO (Bacoi)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum "horta pechada".

CORBITE (Adelán)
De (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. 

COVELO (Lagoa)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo" como de "cubo", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

ESMORIZ (Bacoi)
De (uilla) Ermerici, forma en xenitivo de Ermericus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí.

FACHELAS (Adelán)
Diminutivo de "facha". O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos". Cf. X. L. Franco aquí.
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 

En canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas  derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido "cruce" entre  facula  'fachuzo' e de fascis 'feixe'.


FAIÁN DE ABAIXOFAIÁN DE ARRIBA (O Pereiro)
De *(uilla) Fagilani, forma en xenitivo de Fagila, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

FERRADÁS (O Pereiro)
Plural de "ferradal". O topónimo "Ferradal" é frecuente na toponimia galega, así como tamén "Ferradás", aínda que con significado incerto. Podería ser un derivado de "ferrado", unidade de medida de superficie e de capacidade. Alternativamente, podería derivar de "ferrar", o cal tamén encaixaría, dado que a maioría dos "Ferradal" e "Ferradás" corresponden con núcleos de poboación.
Hai outros "Ferradás" en Foz e en Loiba.

FONTE DE CAO (O Pereiro)
Fonte asociada a unha persoa apelidada "Cao". O apelido "Cao" provén do latín canus, relativo a unha persoa con canas, co pelo branco.

GABIÁN (Lagoa)
Topónimo de etimoloxía incerta. 
Posiblemente de (fundus) Gaudilani, un antigo posesor chamado Gaudila, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí .
Alternativamente, podería estar referido á ave de rapina dese nome ou ben ao alcume dun antigo posesor. 

GAIÁN (Lagoa)
Probablemente de (fundus) Gaudilani, forma en xenitivo de Gaudila, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí.
Por outro lado, Rivas Quintas postula unha orixe nun posesor Gaviani. (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico".
Alternativamente, de (fundus) Gaudiani, forma en xenitivo de Gaudianus, hipocorístico de Gaudius ou nome do antigo posesor, nome de orixe latina.

MARCOI (Lagoa)
Posiblemente de (fundus) Marcoiun antigo posesor chamado Marcoi, nome de orixe xermánica.
Alternativamente, de (fundus) Marconii, un antigo posesor chamado Marconius, nome rexistrado por Solin (cf. S. Heikki & O. Salomies. "Repertorium nominum gentilium et cognominum latinorum". 1988). 

MARTILLE (Lagoa)
De (uilla) Martilii, forma en xenitivo de Martilius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. 

MEIXIDE (Bacoi)
Probablemente de (uilla) Maxiti, forma en xenitivo de Maxitus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina, documentado no ano 951. Cf. J. Piel "Lateinisches Namengut in portugiesischen und galizischen Ortsnamen" (1937).
No entanto, o mesmo Piel indica as hipóteses alternativas de Magitus ou Megitus, e incluso tamén o interpreta como "ameixide" 'lugar onde abundan as ameixeiras'. Outros autores sosteñen esta última hipótese. Tendo en conta que a maioría dos topónimos "Meixide" corresponden con núcleos de poboación, e que existe un "Vilameixide", a interpretación indicada de nome possessor parece moito máis probable que a de "ameixide".
No caso concreto deste lugar de Bacoi, sendo "Meixide" un núcleo de poboación, tamén parece moi firme a hipótese inicial.

MOSQUEIRO SALGUEIRO (O Pereiro)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DDD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

MUÍÑO DO MACHUCO (Lagoa)
Ver "O Machuco".

O AMARELO (San Pedro de Mor)
Orixe incerta.
Podería derivar do adxectivo no senso de "(agro) amarelo".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

O BARBEITO  (Carballido)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

O BATÁN (Lagoa)
Do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BELANDAL (Carballido)

Derivado, con deglutinación, de "abelendal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-endo + -al) non son frecuente, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc.
Existe tamén un "Beladal" en Mañón, un "Valadás" en Melide e un "Baladás" en Chavín e en Valdoviño. 

O BIDUÍDO (Carballido)
Lugar onde abundan os bidueiros.

O BUSTELO (O Pereiro)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Navaza afirma que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza, "Toponimia de Catoira"). Neste sentido, e seguindo a J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto protocéltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

O CACHÓN (As Oiras)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (As Oiras)
Sinónimo de "cadavedo". Ver "O Cadavedo".

O CAMBEIRO
 (Adelán)
Termo derivado de "camba". Posiblemente relativo ao alcume dun antigo posesor 'persoa de pernas tortas'. Porén, o termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. aquí) rexistradas:
  • gancho, quer pau con gancho, quer gancho da gramalleira
  • caínzo
  • home de pernas tornas
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

O CAMPO VERDE (Lagoa)
Neste topónimo, correspondente a un núcleo de poboación, o termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "campo de cor verde", igual que existe "Penamoura", "Penarruba", "Penalba". 
No entanto, tamén podería vir de Campu(s) Viridii, dun posesor chamado Viridius, nome de orixe latina.

O CAMPÓN (Carballido, O Castro de Ouro)

O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CASTRO DE OURO (O Castro de Ouro)
Topónimo que tén a orixe por localizarse ao pé do río Ouro. 
Ver "Río Ouro".

O CAXIGAL (O Pereiro)
Un "caxigal" é un lugar onde abundan os caxigos.

O CELEIRO VELLO (O Pereiro)
O topónimo "Celeiro" provén do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo".

O CELEIROTE (O Pereiro)
O topónimo "Celeirote" é un derivado en diminutivo ou despectivo de "Celeiro". Ver "O Celeiro Vello".

O CERRADO DOS CÁDAVOS (O Pereiro)
Os "cádavos" son os cepos dos toxos en pé, que permanecen nun toxal queimado. Cf. aquí.

O CHAO DA ESQUEIRA (Adelán)
Unha "esqueira" é, polo xeral, sinónimo de "escada". Semella que a interpretación deste topónimo sería na acepción existente de "esqueira" como "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. aquí.

O CHAO DA PASADA (O Pereiro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". 

O CHIVADOIRO (Adelán)
O termo "chivadoiro", grafía alternativa de "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. aquí.

O COCHÓN (San Pedro de Mor)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.

O COTO DE CARROCIDE (Lagoa)
Probablemente "carrocide" sexa unha deturpación de "carracide", lugar onde abundan os carrizos ("canaveiras").

O COTO DE FREIXIDO (As Oiras, O Pereiro)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

O COTO DE MEL (Lagoa)
Probablemente "Mel" non teña nada que ver co apelativo "mel" das abellas, senón cun antropónimo. Podería derivar de Merii, Mellii, ou Gemelii, formas en xenitivo dos nomes de persoa Merius, Mellus e Gemelius, respectivamente.
O primeiro candidato sería Merius, tendo en conta que para o topónimo "Soutomel" (A Bola), figura atestado como Saltu Meri (cf. P. Martínez, 2010, "Toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas ..").
Por outro lado, "Vilamel"  foi estudado por J. Piel, que deriva de Villa Mellii, lugar dun posesor chamado Mellius. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11 (1984). Cf. aquí.

No entanto, tampouco se pode descartar que derive da forma prerromana indoeuropea, probablemente celta *mel- 'colina', que encaixa obviamente neste caso.


O COTO DE  PORCASADO (As Oiras)
Posiblemente, lugar pertencente a unha persoa chamada "Pero Casado", do mesmo modo que existe un "Peicasado".
Alternativamente, de "Porto Casado" ('porto de Casado'). Un "porto" designa neste caso un porto de montaña, que encaixa sendo un coto.

O COTO DO CACHÓN (O Pereiro)
Ver "O Cachón".

O COTO DO MACHO (O Pereiro)

Probablemente, neste contexto o termo "macho" derive do latín marculum 'martelo pequeno', e posiblemente sexa referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. 
Alternativamente, aínda que menos probábel, de Marculus, diminutivo de Marcus, nome de persoa. Porén, descoñecemos rexistros desta ocorrencia.
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo, a non ser como alcume.

O COTO DO VALDOVÍN (As Oiras)
Neste caso, moi probablemente a grafía correcta sería "Baldovín", derivado de Baldovinus, antropónimo de orixe xermánica.
Tampouco se pode descartar, o mesmo que ocorre no caso do "Valdoviño" da Coruña, que proceda de "Val do Avín", onde "avín" tería orixe nun hidrónimo paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *ab- (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 2002). 

O COTO DOS ESVEDROS (O Pereiro)
Lugar onde abundarían os esvedros (cast. "madroño").
Hai un"Esvedral" no Vicedo, outro en Mañón e un "Esvidral" en Vieiro.

O CUCHAREGO (O Pereiro)
Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, bustaetc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. DDD).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Barreiros, no Valadouro, no Vicedo, en Muras.

O ESCAIRO (Lagoa)
O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

O ESPIDO (Carballido)
Posiblemente "lugar onde abundan os espiños", que tería evoluído do latín spinitu  > *espiido > espido. De feito, perviven varios topónimos "espindo", dous deles en Foircarei, varios en Portugal, etc.
En Galicia atopamos varios topónimos "Espido": no Vicedo,  en Curtis (A Coruña), en Monforte, en Meira, etc.
Unha orixe alternativa sería a referencia a "terreo espido", a terra pouco fértil e sen cultivos.

O FERROL (Carballido)
De (fundus) Ferreoli, de Ferreolus. Aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123 de N. Ares "Estudos de toponimia galega".
Habería, contodo, outras hipóteses, asumindo unha orixe do nome deste núcleo de poboación igual á de "Ferrol" da Coruña. Para máis detalle de hipóteses, incluíndo hipóteses "orixinais", ver o artigo >> este.
Hai outros "Ferrol" próximos, como o de San Xusto de Cabarcos (Barreiros) e en Xove.

O FOGUEIRAL (Adelán)
Posiblemente, o nome deste monte tén unha orixe similar aos múltiples montes chamados "Faro" e "Facho".
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 


O FORNO DO CAL (As Oiras, O Pereiro)
Unha "caleira" ou "forno de cal" era o lugar onde se queimaba pedra calcaria para producir o cal. Era unha construción de muros de pedra, aberta pola parte superior.
As pedras calcarias introducíanse no forno conformando unha bóveda, e deixando un oco central para prender o lume. O forno cubríase con grandes lousas.
O forno tiña unha abertura na base para introducir o combustible (leña, queirogas, toxos, carbón). O lume era mantido uns dous días e medio, consumindo unha tremenda cantidade de combustible (ata 60 carros de toxo, cf. aquí). Este inxente traballo de manter o lume precisaba de varias persoas, facendo quendas día e noite.
Rematada a calcinación, e unha vez arrefriado, extraíanse as pedras, brancas pola calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas en po.
O cal era usado para facer cemento, pintar ou branquear paredes, para abonar, correxindo a acidez do solo, para branquear a roupa, etc.
Ver exemplo de forno >> aquí.

O FORO (Lagoa)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).

Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FOXO (Adelán, As Oiras)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O GORBIDAL (Bacoi)
Probablemente "lugar onde hai gorbas",  o mesmo que "grova", palabra de orixe xermánica co significado de "barranco profundo, foxo, cárcava". Cf. aquí.
Porén, tampouco podemos desbotar unha orixe en "Agro Vidal". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos" fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica tamén este caso Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.


O LAVANCO (Lagoa)
A forma "lavanco" sería resultado dunha disimilación da originaria "navanco". Cf. aquí.
É por tanto unha forma derivada de "nava",  o mesmo que deriva tamén o topónimo "Navallo". O sufixo -anco, tamén de orixe prerromana (moitas veces atribuído como de orixe céltica), confirma esta orixe.
Segundo Corominas, "lavanco" é un derivado do apelativo de orixe prerromana "nava" 'lugar pantanoso en despoboado', daí que o frecuentasen os parrulos bravíos. 
Para Rivas, o topónimo "Labancos" deriva das raíces precélticas *lav-, *nav-, que designarían "lugares alagados" (cf. E. Rivas. "Natureza, toponimia e fala"). Tamén indica "labanca" como pedra grande, desde unha base *lav- ‘pedra escorregadiza’.
Aínda que o apelativo "lavanco" designa unha especie de parrulos, non parece encaixar para un topónimo.
Hai un "Lavanciños" en Barreiros.

O LOURIDO (San Pedro Mor)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

O MACHUCO (Lagoa)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. 
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe en tantos topónimos, incluíndo os múltiples "Muíño do Machuco".


O MAESO (O Castro de Ouro)
O termo "Maeso" é a forma antiga para "mestre". Cf. aquí.
En Barreiros hai tamén unha "Cortiña da Maesa".

O MEIXÓN (O Pereiro)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'. De feito, o portugués conserva "ameijoada" 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
Existen outros "Meixón", por exemplo o de Alfoz.

O PEICASADO (Carballido)
Posiblemente, lugar pertencente a unha persoa chamada Paio Casado, do mesmo modo que existe un "Peipérez" nas Oiras, e un "Peiméndez" en Viveiro.
Alternativamente, de "Peago Casado" ('peago de Casado'). Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 

O PEIMOURO (Adelán)
Posiblemente de "Peago Mouro". Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. É, por tanto, un caso similar ao de "Pei Corvo" de Viveiro.
Alternativamente, relativo a unha persoa chamada Paio Mouro, do mesmo modo que existe un "Peiméndez" en Viveiro. 
Para escoller unha das dúas hipóteses, se temos en conta os varios "Peimouro" en Galiza, parece máis probable a primeira hipótese: non tería sentido a frecuencia deste nome e apelido. Ademais, é importante notar a existencia dunha "Fonte de Peimouro" e un "Lago de Peimouro", que parecen apuntar para que este significado de "piago mouro".


O PINAR DO FANDELO (Adelán)
Indica o pinar que pertencería antigamente a unha persoa alcumada "Fandelo" ("frouxo, ruín").

O PORTO DE SOMEDE (O Pereiro)
O termo "Somede" é o composto de "San Mamede". Aínda que non coñecemos probas documentais neste caso, si é o caso de "Somede de San Mamede" (As Pontes de G. Rodríguez).

O PICHÍN (O Pereiro)
Á parte do significado do órgano sexual, pode estar relacionado co apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. aquí), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados , todos co sentido de "lugar polo que sai a auga".
Tanto "picha" e "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". 

O PIÑEIRO (Bacoi, San Pedro Mor)
O nome destes dous núcleos de poboación podería ter unha orixe no xentilicio Pinarius, que sería o nome do antigo posesor.
No entanto, o máis probábel é que se trate dun fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome. Ao levar artigo o nome, parecería reforzar esta segunda hipótese. Polo contrario, ao seren ambos os dous referidos a núcleos de poboación, parecería reforzar a primeira hipótese. 

O POZO DA ONZA (O Pereiro)
Este topónimo é mencionado por Bascuas no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle  a "onza" o significado de "charco". Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.
Ver "A Presa da Onza" para máis detalles.

O PRADO DE MEL (Lagoa)
Ver "O Coto de Mel".

O PUMARIÑO (As Oiras)
Diminutivo de "pumar", co significado de "finca plantada de maciñeiras (maceiras)".

O RAÑAL (Bacoi)
O dicionario define "rañal" como lugar poboado de "raños" ("sorbeiras").
Alternativamente, de lugar de "raña" ("terreo alto e de monte pobre).

O REAL (Adelán, O Pereiro)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

O RECANTO (O Pereiro)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

O REGO DO ARO (O Pereiro)
Probablemente o significado de "Aro" está relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O REIRADO (O Reirado)
Figura atestado como riuum Iratum 'río Iratum', con evolución compositiva análoga á doutros topónimos tais como "Remourelle".
Bascuas interpreta o termo Iratum como procedente da raíz hidronímica paleoeuropea *er- "moverse", na forma *ir- (cf. E. Bascuas, p. 142 de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Nicandro Ares concorda coa mesma orixe riuum Iratum, aínda que interpreta "Iratum" como o adxectivo "irado", nas súas palabras: "non creo que
haxa problema no adxectivo iratus aplicado a rivus ‘río’, porque tamén
o poeta latino Horacio nomea o mare iratum ‘mar tempestuoso,
alborotado, bravo’. Na provincia de Lugo temos Rioaveso
(adversus), Riomol (mollis), Riotorto (tortus)." (cf. N. Ares, de "Lucensia", núm. 48).

O RIZAL (Lagoa)
O dicionario de Aníbal Otero define "rizal" como "terra na que, despois de cortado o pan en verde, volve a nacer ou retoñar. Dise da terra sementada de verde para que o coma o gado". Cf. aquí.
Por outra banda, Joseph Piel ten interpretado este topónimo "Rizal" como zootopónimo, en canto a abundancial de "ourizos". Aínda que non o explica, entendemos que o interpreta como deglutinación de "Ourizal" > O Rizal, do mesmo modo que existen "A Grela" < Agrela (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). 

O RUBEIRO (O Pereiro)
Caracterización "tendendo a rubo"  ("roibo", "vermello") do terreo. Posibelmente indicando terras barrentas. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse case vermellos ("rubais", "rubos") cando florecía a queiroga en setembro.
Porén, a motivación deste topónimo non fica totalmente clara.
Alternativamente, J. Piel relaciona topónimos similares, tais como "rubiña", co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

O SEIXAO (O Pereiro)
Posiblemente indicando "terreo no que abundan os seixos".
Alternativamente, aínda que improbable, podería derivar de "San Xiao", proveniente de Sanctu Iulianu. Sería un caso análogo ao de "Seivane".

O SERRAPIO (Lagoa)
O termo "serrapio", é definido por Sarmiento como "apretura entre dúas serras". Cf. aquí.
Hai un "Penidos do Xerrapio" en Muras. Aínda tendo unha terminación infrecuente en -apio, o topónimo "Serrapio" está rexistrado en cinco concellos das catro provincias galegas.

O SISTO (Adelán)
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

O SOUTO DAS CORTIÑAS (Lagoa)
Ver "A Cortiña".

O TORNEIRO (O Castro de Ouro)
Sendo unha zona de prados, cremos que a acepción a que refere "torneiro" non é a de "persoa que traballa no torno" senón á de "torneira" (cf. aquí), que significa "lugar no que se desvía a auga dunha canle", e tamén sinónimo de "torno" "chorro de auga".
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O TORRELLÓN (Adelán, Lagoa)
A priori, o termo parece derivado de "torre". Sendo un núcleo de poboación, podería ter sido unha torre de vixiancia, ou ben restos de castro. 
Aínda que esa interpretación prevalece, ao non dispormos de documentación antiga do lugar, tampouco podemos deixar de considerar a posibilidade dunha orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse', cun significado semellante ao de "barranco", tal como ocorre no "Torrillón" nas Negradas (cf. Toponimia do Vicedo).

O TRECE (Carballido)
Entidade de poboación. Segundo Cabeza Quiles, o topónimo "Trece" ten relación co número trece (latín tredecim), relacionado con que no día trece de cada mes se celebraría alí feira. Porén, isto non semella convincente, polo menos neste o caso, pois non se ten coñecemento de que neste lugar se celebrase mercado ou feira en tal día.
Alternativamente, Bascuas considera, para outro nome de lugar "Trece", que se trataría dun hidrónimo paleoeuropeo, cunha forma en grao cero *tri-, derivado da raíz indoeuropea *ter- ‘refregar, fretar, atravesar’. Así, este topónimo procedería dunha base *trikia, considerando que a forma actual, co final relaxado en -e, sería por confusión co numeral trece (cf. p. 327, 2005. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

O VANZADO (Lagoa)
A grafía correcta sería "banzado".
O dicionario inclúe para "banzado" as acepcións de "represa dun río; depósito, natural ou artificial, nun río", e tamén "presa grande", así como "lousa grande" (cf. aquí)
Por outro lado, podemos interpretalo como derivado de "banzo", o cal define o dicionario como "chanzo, cada un dos degraus dunha escada" (cf. aquí). Na mesma liña semántica, o dicionario portugués é definido como "Cada uma das duas peças paralelas que suportam os degraus duma escada de mão. Cada um dos braços de andor, do esquife, do escano" (cf. aquí). Vemos por tanto unha semántica que apunta para "varas paralelas". Banzado sería nunha orixe un estilo de presa feita de varas, que por extensión tomaría o significado de "balsa, presa no río".

O VEDRAL (Lagoa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O VEDRO (As Oiras, Lagoa)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O VILAR (Adelán, Bacoi, Carballido)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". A acepción recollida por L. Carré é "campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

O XARDÍN (Carballido)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).
No entanto, algún "Xardín" poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posuidor da vila ("explotación agrícola"),  con nome de orixe xermánicaO antropónimo  Sardinus está atestado en Galiza, cf. CODOLGA.

OS ANELLOS (Lagoa)
Cremos que o topónimo "Anellos" non ten que ver co termo castelán anillos, senón que posiblemente teña a orixe no tema pre-latino* ann-, que Bascuas  liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "Anilleira", "Anellada", "Anido" e "Aneiro". 

OS ARUXOS  (O Pereiro)

O topónimo "Aruxos" é de orixe prerromana, e relacionado con correntes de auga. Bascuas derívao de *aruwio, da raíz hidronímica indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

OS BIEITOS (O Castro de Ouro)

Prados antigamente pertencentes a Bieito, ou á familia de Bieito.

OS BREDETES (As Oiras)

De "vedretes", diminutivo de "vedro". Ver "O Vedro".

OS FOZADOIROS (Adelán)
Semella relacionado con "fozar", quer por porcos domésticos ou, probablemete, nunha zona onde terían abundado os porcos bravos.
Atopamos un topónimo análogo "Fozadorios" en Salas (Asturias).

OS ESTIBADOS (Adelán)

O apelativo "estivado" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • O mesmo que "roza", operación de cavar un trozo de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extender as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver E. Rodríguez  aquí.

OS MACHUCOS (As Oiras)
Ver "O Machuco".

OS MEIXÓS (O Pereiro)
Ver "O Meixón".

OS MONTES DE COSTOIRO (O Pereiro)
Ver "A Costoira".

OS MONTES DE ESCOURIDAL (O Pereiro)
Un "escouridal" é un terreo onde abunda a "escoura". Ver "A Escoura".

OS MONTES DO CALVELO (O Pereiro)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

OS MOSQUEIROS (As Oiras)
Ver "Mosqueiro Salgueiro".

OS NOVÁS (Adelán)
Plural de "noval". Indicaría "os (agros) novás", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

OS PATEIROS (Lagoa)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, a gran maioría delas non aplicables doadamente para un topónimo.
Cremos que a más probable é a rexistrada por Aníbal Otero no Rizal de "pequeño almiar que se hace en las labrantías con el trigo o centeno, antes de llevarlo para la era" (cf. A. Otero. "Contribución al léxico gallego y asturiano, Archivum". 1964).

Tampouco podemos desbotar que se trate dun abundancial, dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos. En efecto, Joseph Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).


OS PRADOS DA PINGUELA (Lagoa)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido".
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".
No contexto deste topónimo, unha zona de prados, encaixa esta acepción.

OS ROZOS (O Castro de Ouro)
Probablemente, sendo ademais unha zona de monte, signifique o mesmo que "roza". Ver "A Roza".

OS SARNOSOS (O Pereiro
Non cremos que teña que ver coa enfermidade da "sarna", senón que se trata de "Os Arnosos", un hidrónimo, indicando augas ou correntes de augas. Autores como E. Bascuas relacionan estes topónimos, o mesmo que "Arnela" e "Arneiro", coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- , derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. 

OS SOLLUDOS (San Pedro de Mor
Aínda que a forma "solludo" non a recollan os dicionarios, é moi probablemente da mesma orixe e con significado similar a "solloso", "sollento", indicando un lugar soleado e abrigado.

PADRIÑÁN (Bacoi)
De (uilla) Patriniani, forma en xenitivo de Patrinianus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina, derivado de Paternus
Tamén podería derivar da formación paralela (uilla) Paterniani,  xenitivo de Paternianus, tamén derivado de Paternus

PEIPÉREZ (As Oiras)
Posiblemente, lugar pertencente a unha persoa chamada "Paio Peres", do mesmo modo que existe un "Peiméndez" en Viveiro.
Alternativamente, de "Peago Peres" ('peago de Peres'). Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

PEIZÁS (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
O termo "peizás", o mesmo que "painzás", é o plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo.

REGO DA IBIA (As Oiras)
Ver "A Ibia".

REGO DA LAMESTRA (As Oiras)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Cangas (Foz), "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

REGO DE VILAGABE (San Pedro de Mor)
O termo "Vilagabe" provén do latín medieval U
illa Gabii, forma en xenitivo de Gabius, indicando, por tanto, o nome do antigo posesor f
da uilla ("explotación agrícola"), con nome de orixe xermánica, frecuente na Galiza na Idade Media. Esta interpretación é baseada en J. Piel, que estudou este topónimo. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11 (1984). Cf. aquí.

RÍO DA ONZA (Lagoa)
Ver "Presa da Onza".

RÍO DA VILLAGUEIRA (Lagoa)
Ver "A Villagueira".

RÍO DE GUILFONSO (O Pereiro)
O termo "Guilfonso" é un antropónimo que provén de Vilifonsus,  nome de orixe xermánica.

RÍO DE MASMA (O Pereiro)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma Maseme
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono "-oma", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo". 
J. J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. aquí), co que significaría algo como "o moi húmedo". 

RÍO OURO (Carballido)
O río "Ouro" está documentado na Idade Media como Aurio
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do río Ourubio (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea. 

Non cremos probábel a interpretación doutros autores como F. Villar, que relacionaron este topónimo co latín aureum, "de ouro", "dourado" (cf. aquíaínda que Villar interpreta Ourubio do mesmo modo que aquí facemos).


Este río deu tamén nome ao topónimo Valadouro, de "Vale do Ouro"

ROLLE DE ABAIXO, ROLLE DE ARRIBA (Bacoi)
O topónimo "Rolle" probablemente proveña de (uilla) Rullii, forma en xenitivo de Rullius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola")
Alternativamente, da formación paralela (uilla) Rudili, de Rudilus, nome de orixe xermánica.
Talvez fose este lugar o que deu orixe ao apelido "Rolle", que se localiza na Mariña luguesa.

SANTE (Adelán)
De *(uilla) Sancti, forma en xenitivo de Sanctius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina. Cf. p. 1163 de N. Ares (2011), "Estudos de toponimia galega". 

SAN PEDRO DE MOR (San Pedro de Mor)
Neste caso, "Mor" deriva de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome de orixe romana.
En efecto, este lugar xa é citado en 1124 como "sanctus Petrus de Mauri"  (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

SESÍN (Adelán)
De *(uilla) Sesini, forma en xenitivo de Sesinus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica.

SISTO (Lagoa)
Sendo un núcleo de poboación, podemos interpretar este topónimo como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos".
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán no seu estudo sobre a toponimia de Pontedeume.

SUNELLE (Bacoi)
De *(fundus) Sunnelli, forma en xenitivo de Sunnellus, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, derivado do protoxermánico *sunna 'sol'.

TABOI 
(Lagoa)
Posiblemente de (uilla) Tabuloniforma en xenitivo de Tabulonius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Esta hipótese basámola na existencia dun documento de 1062 que refere Sancti Petri de Tabuloni, para unha parroquia de Outeiro de Rei. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.  

Porén, sigue sendo controversa a orixe, xa que no 1062 xa se producira a queda do -l- e do -n-, polo que pode ser una falsa etimoloxía do escribán. 
Se temos en conta a posibilidade do erro do escribán, podemos establecer outras hipóteses, que mencionamos de seguido.
Rexístrase un Tavonius nun epígrafe de Mérida, que  encaixaría como *(uilla) Tavoni.
Alternativamente, de (uilla) Tagoni, sendo Tagonus un nome de orixe indoeuropea, posiblemente paleoeuropea (pre-céltica). Esta é a hipótese que ve máis probable o profesor Bascuas, tanto para este Taboi como para o que existe en Outeiro de Rei, para o cal considera o documento de 1379 como "San Pero de Tavoy". Cf.  p. 65 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Hai outro "Taboi" cercano na Balsa (Muras).


VILAÚDE (San Pedro de Mor)
O topónimo desta poboación derivaría dun composto de uilla  ("explotación agrícola") máis nome de posesor en xenitivo. Este podería ser (uilla) Utii, forma en xenitivo de Utius, nome do antigo posesor. Este nome ten orixe latina, e está presente na epigrafía hispana (cf. aquí).
Porén, sen coñecermos documentación antiga que o atesteo nome de posesor indicado é apenas unha hipótese, e alternativamente tamén poderíamos pensar nun hipotético antropónimo xermánico *Anaulde ou *Alaulde, cun deuterotema -uldus derivado do xermánico *wulthuz 'esplendor', presente noutros como Atauldus, Sesuldus, SinuldusEsta alternativa encaixaría tamén para as poboacións "Aúde" en Pantón e "Fontedaúde" en Palas de Rei.

VIXÍN (Adelán)
De *(uilla) Vigini, forma en xenitivo de Viginus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, derivado do protoxermánico *wigaz 'loitador'.












4 comentarios:

  1. Impresionante traballo!!! Noraboa, se mo permites gostaríame saber a orixe dalgún lugar alfocense que non aparece no listado. Grazas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Motísimas grazas polo teu comentario!. Por suposto, calquera dúbida que coñeza estarei encantado en responder.
      Saúdos e grazas novamente
      Xose

      Eliminar
  2. Moitas grazas polo traballo e por compartirlo Xosé!
    Hai un lugar en Bacoi que se chama A Milicroca e sempre me chamou a atención esta palabra, sabrías dicir de onde ven?
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  3. Ola Jo! Moitas grazas a ti polo comentario!, é sempre moi reconfortante ver que o artigo é lido e que non foi investido o tempo en van!.
    Canto a "A Milicroca": aínda que con dúbidas, probablemente estea relacionado con "milicroque", a planta de flores púrpuras que se estalan, tamén chamada alcroque, dedaleira, abrula, etc (http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=milicroque&tipo_busca=lema).
    Este nome podería, por tanto, corresponder cun fitotoponimo, indicando un lugar onde abundan os milicroques.
    Tampouco se pode descartar que fose usado como alcume dalgunha posesora dese lugar (ver acepcións de "croca"),
    Alternativamente, aínda que máis improbábel, relacionado coa acepción de "croca" indicativa de "castaña seca". Deste modo, "milicroca" indicaría terreo con moita produción de castañas.

    Saúdos!
    Xosé

    ResponderEliminar